Monday 13 de May de 2024

Arranca a programación expositiva de nove galerías co apoio da Xunta e unha ampla oferta de arte contemporánea galega e internacional


— O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa na inauguración da iniciativa ‘Aberto’ Galicia, o evento no que varias galerías inauguran á ver a súa temporada

— A partir do 21 de setembro comezan as mostras das nove participantes nesta iniciativa da Coruña, Ourense, Santiago de Compostela e Vigo

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación de Aberto Galicia, o evento que conta co apoio da Xunta de Galicia no que nove galerías galegas participan conxuntamente para inaugurar a súa temporada expositiva, seguindo o modelo de iniciativas similares en Madrid, Barcelona, Valencia ou Sevilla.
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades agradeceulles a súa contribución por impulsar aos creadores galegos a través dunha programación expositiva que reunirá tanto noveles como artistas consagrados. Neste sentido, Anxo M. Lorenzo reiterou o compromiso do Goberno autonómico coa actividade destes profesionais, aos que apoia de xeito constante a través do Plan Xeración Cultura tanto para a súa programación expositiva con iniciativas como a presentada hoxe como para a súa internacionalización. De feito, como expresou, na última convocatoria das axudas para participación en feiras e certames beneficiáronse unha decena de galerías.
A iniciativa Aberto Galicia é o evento no que nove galerías galegas da Coruña, Ourense, Santiago de Compostela e Vigo participan conxuntamente para inaugurar a nova temporada expositiva. Arrancará o xoves 21 de setembro con novas exposicións que poderán visitarse ese día en horarios especiais e a partir desa data en horario habitual. Organizado por Contemporánea, a Asociación de Galerías de Arte Contemporánea de Galicia coa colaboración da Xunta, as participantes son Dupla, Luisa Pita, Marisa Marimón, Metro, Moret Art, Nordés, PM8-Francisco Salas, Trinta e Vilaseco.
Variedade de propostas
A temporada inclúe na Coruña as propostas das galerías Vilaseco e Moret Art. No caso da primeira a delicadeza será o concepto principal da instalación de Rodríguez-Méndez con Antes, a fatiga, mentres que a segunda achegará a singular pintura de Xurxo Gómez-Chao. En Ourense, pola súa banda, Marisa Marimón contará coa fotografía de José Quintanilla.

En Santiago de Compostela Luisa Pita presentará ao surafricano Pierre Louis Geldenhuys, un clásico do seu repertorio que sorprenderá con 12 obras intervidas con fibra de fío. Ademais, a Galería Metro contará coa orixinal pintura do artista multidisciplinar Pablo Orza, mentres que a Galería Trinta aposta por un nome xigante da arte contemporáneo do país, Antoni Miralda. Completan a programación en Compostela a Galería Nordés, coa orixinal proposta de Rubén Ramos Balsa, cuxo discurso trata sobre a tecnoloxía e a súa integración na arte, e a Galería Dupla que reúne a dous nomes coñecidos da pintura: Yolanda Dorda e Roberto González Fernández na mostra Eros e Tánatos.

Finalmente, a Galería PM8-Francisco Salas de Vigo, que destaca polo seu percorrido e recoñecemento internacional, ofrecerá ao público a colectiva de Martha Araùjo, Gabriel Borba Filho y Rosalind Nashashibi titulada Remove Walls.